Na produción textual de Rafael Dieste non se dá un correlato directo entre as experiencias da viaxe e o mundo referido nos relatos, ensaios ou pezas dramáticas. Isto é así malia o feito biográfico de que o autor foi un dos escritores da súa xeración que máis viaxou. Entre a emigración a México en 1917 e a sublevación militar de 1936, Dieste percorreu distintas xeografías en América, África e Europa. Participou ademais, desde 1933, no programa das Misións Pedagóxicas, alicerzado na itinerancia dos intelectuais mozos para procurar unha interacción social e cultural que integrase o campesiñado na cidadanía republicana e o liberase da dominación histórica padecida. Dieste non relatou directamente estes periplos e regresos pero si os integrou na súa obra literaria mediante o recurso ao mito e a diversos procedementos de abstracción formal, cun operativo temático-tropolóxico que puxo en práctica con especial rendemento "n'A fiestra valdeira" a propósito de certos debates estéticos, culturaris e sociais nos que participou en primeira liña nos anos 20.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados