Este artigo pretende revalorizar os libros a través dos cales Manuel María renova a súa linguaxe poética durante a década de 1970 e os títulos cos que el contribúe ao cambio de dirección que ten lugar na poesía galega desa época. Segundo o autor deste traballo, a nova linguaxe poética na obra de Manuel María xa emerxe no libro Informe para axudar a alcender unha cerilla, que o poeta escribe en 1970. Podémola observar tamén nos versos de Aldraxe contra a xistra e Laio e clamor pola Bretaña, dúas obras escritas en 1972. Continúa e toma corpo coa colección de poemas O libro das baladas, escrito en 1973, manifestándose igualmente nas formas rupturistas da súa poesía máis militante (Cantos rodados para alleados e colonizados e Poemas para construír unha patria). E dá un paso xigantesco nos seus Poemas ao outono, que naceron e renaceron entre outubro de 1975 e mediados de 1976: vinte sonetos que abren de xeito definitivo a última etapa creadora do poeta, o seu canto derradeiro, un corpus lírico que mesmo nun período anterior á emerxencia da poesía da década de 1980 nos ofrece libros tan marabillosos como Cecais hai unha luz, escrito a mediados de 1979, e Poemas da labarada estremecida, producido en 1980.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados