Na infancia modelamos a conduta e construímos a nosa identidade. Nesta formación, a escola ten un papel decisivo. A valiosa achega da obra de Manuel María é incuestionable. A forza da súa palabra e a súa inquebrantable e profunda convicción fixeron que a súa obra resultara, e resulte (non hai máis que comprobar nas redes sociais a repercusión que está a ter nos centros de ensino de toda Galicia), inmensamente eficaz na recuperación da nosa identidade como pobo, contribuíndo, así, á normalización, asemade que a saborear a beleza da lingua galega.
Os que comezamos a exercer a docencia canda implantación da EXB (1970), estamos especialmente en débeda con el. Viñamos dun tempo de portas pechadas e, na súa obra (non só a infantil), atopamos chaves sedutoras que nos conquistaron. Parte daquela rapazada, hoxe ensinantes, procuran que o seu alumnado volva sentir ese lóstrego capaz de facer brillar as cousas sinxelas (por algo o alcumaron Deus das pequenas cousas). Manuel María obrou o prodixio de resucitar lúas, ventos, ríos e camiños ata entrar coa súa palabra no corazón da escola. Nela pousou a palabra con verdade e con beleza, compartindo a súa visión do mundo e a súa maneira de estar nel.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados