Este traballo parte da recuperación dunha correspondencia do autor que revela a xénese, temáticas e estilo dos Ensayos poéticos en dialecto berciano de Antonio Fernández Morales. Analizamos a descuberta do galego do Bierzo a través da reflexión propiciada polo filólogo catalán Mariano Cubí e o propio encargo de escribir nesta lingua que asume Morales con entusiasmo. Indagamos nas fontes e na procura de temáticas para o libro. Emerxen así os costumes das xentes humildes que o poeta gusta describir, tanto na aldea como na vila, ao longo dun calendario tradicional peculiar, onde detectamos unha tendencia ao contraste e a utilización dun ton satírico e crítico sutil por veces, as máis proto-realista. A paisaxe natural e humana do Bierzo que retrata con vigor e detalle, fará do noso autor un cantor referente da identidade berciana á vez dun fito relevante para definir o movemento do Rexurdimento nos lindeiros da galeguidade. Concluímos coa definición doutro dos trazos do estilo do autor de carácter ideolóxico, o bercianismo, amén do seu interese por cantar a riqueza patrimonial do Bierzo.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados