Sobre o territorio da provincia de León coñecido como o Bierzo, no Noroeste Ibérico, o traballo de Morales achega unha particular lexicografía interdisciplinaria recollida en fala vernácula. Desde os planos investigadores da etnomusicoloxía, organoloxía musical, filoloxía e a etnografía, este corpus filolóxico constitúe un interesante referente para documentar no tempo e describir con minuciosidade distintos aspectos de toda índole. Repertorios, obxectos e instrumentos musicais, situacións e paisaxes sonoras da realidade cotiá popular e tradicional relacionadas con el e propias de finais da primeira metade do XIX, abórdanse tanto no ámbito rural como, contrastando co mesmo, no dos pequenos núcleos urbanos, cabeceiras desa comarca nos ámbitos profano e relixioso. Todo formulado desde un tratamento literario, de significado substrato e calado cultural sociopolítico acorde e habitual nas correntes máis internacionais do pensamento romántico do seu tempo ao que o autor, recoñecido progresista, non é alleo.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados