Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Resumen de Coeducar desde as masculinidades

Erick Pescador Albiach

  • O movemento social na busca da igualdade e as propias dinámicas de traballo para acadala entran nestes últimos meses/anos convulsos nunha nova era de cambios de estratexias e un maior e mellor afondamento. Xa non é dabondo co discurso de empoderamento feminino e coas loitas contra as violencias machistas estruturais e cotiás; cómpre xa dar o seguinte paso cara ao traballo cos homes e ás políticas e as intervencións educativas que traballan directamente coa causa e non só cos efectos perversos do Patriarcado, e o seu soldado o Machismo, e de quen o exerce e o sustenta.

    Dito doutro xeito, estamos no tempo do traballo coas masculinidades e o cambio dos homes e das ideoloxías e os valores que sustentan o seu poder discriminador. Non chega con cuestionar o papel das mulleres no reparto de poder e impoñer unha «igualación» sen reflexión senón que hai que afondar en como podemos facer para que os mozos na escola e os seus pais e avós na casa decidan conscientemente non exercer o machismo no que a sociedade os educou e os segue a reforzar.

    Nas seguintes liñas relátase como e desde onde se realiza o traballo do proxecto Ulises, que é, en resumo, unha proposta coeducativa que implica e cuestiona especialmente os homes e o masculino. Ao igual que o traballo coas mulleres e a identidade feminina cara á igualdade, o proceso cos homes require dun cuestionamento da identidade, dos modos de relación e o poder coas emocións. O traballo co corpo e coas violencias aprendidas é un dos temas clave de interese, pero tamén o é na mesma liña o desenvolvemento de alternativas viables de masculinidades diversas e positivas, exentas de violencias ou que manexen a violencia de forma moi diferente á que propón o modelo de masculinidade hexemónica e dominante.


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus