A modalidade é unha categoría de análise de grande éxito na lingüística que recibiu escasa atención nos estudos sobre o galego. Esta contribución mostra as dificultades con que baten os achegamentos lingüísticos tradicionais á hora de alcanzar unha definición coherente da modalidade e defende, a partir do exame da realización interlingüística das categorías modais, que a modalidade tal e como foi entendida tradicionalmente dá cobertura a trazos peculiares das linguas máis estudadas e que estes son escasamente representativos do comportamento xeral das linguas. Como alternativa, proponse un marco de traballo para o tratamento das categorías modais que diverxe do achegamento tradicional, na medida en que parte dunha definición estrita dos dominios conceptuais e dunha perspectiva ampla da súa realización formal. Neste marco, o concepto de modalidade perde protagonismo para deixar paso ás nocións, conceptualmente simples e coherentes, de modalidade deóntica, modalidade epistémica, modalidade inferencial e modalidade afectiva. Estas nocións constitúen dominios semánticos independentes, mais posúen características comparables en termos de estrutura e alcance semánticos. A argumentación acompáñase de exemplos, tirados dun corpus electrónico, representativos da variedade formal que ofrece o galego para a expresión destas categorías semánticas.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados