O xogo e o xoguete teñen cada vez máis consideración no ensino das ciencias por contribuír ao desenvolvemento da competencia tecnocientífica e por favorecer a comprensión da contorna natural (Barria et al., 2021). Na actualidade, o uso do xogo para a aprendizaxe das tecnociencias na etapa de educación infantil (EI) é un tema emerxente (Fernández-Oliveras e García Pete, 2015), cómpre usalos co alumnado desta etapa para favorecer o desenvolvemento da competencia STEM. Diversos estudos indican que cómpre usar xogos e xoguetes non sexistas para rachar cos estereotipos de xénero. A escola debe ser un elemento transformador que fai autocrítica constante e revisa os seus recursos (Reinoso e Hernández, 2011). Así pois, debemos analizar a presenza de xogos e xoguetes STEM nas aulas e nos diferentes espazos da escola e facelo desde unha perspectiva de xénero. Nesta liña, desenvolveuse unha investigación baseada nun paradigma exploratorio, descritivo e interpretativo e concluíuse que é necesario intervir para incorporar xogos e xoguetes STEM con perspectiva de xénero nos espazos das aulas de EI.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados