Emigrantes, caciques e indianos constitúe un primeiro achegamento a cuestións sinaladas decote na historiografía galega mais, ata o de agora, non analizadas en profundidade: ¿Cal foi o influxo da emigración transoceánica masiva en Galicia durante o primeiro tercio deste século? ¿Qué lle debe Galicia a América? ¿Cal foi o papel colectivo dos emigrantes retornados? Alén dos tópicos e das descricións costumistas, ou das visións que insisten máis no que podería ter acontecido no canto do que realmente aconteceu, o autor examina, á luz doutros exemplos comparativos, cal é o modelo específico de interacción que se produce entre as colectividades de emigrantes galegos en Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil e os Estados Unidos, e Galicia. Aténdese así aos marcos de relación social preferentes de nivel local e comarcal vehiculizados a través do asociacionismo emigrante e mais o asociacionismo agrario. Con iso, revélase o papel fundamental que tanto as remesas materiais como inmateriais xogaron na modernización do país durante o período considerado, particularmente na súa aportación á construcción da sociedade civil.
O libro revisa os efectos das remesas de diñeiro dos emigrantes, as formas asociativas dos galegos en América e a mobilización sociopolítica que se produce arredor delas, a interacción na política local entre a Galicia de alén e de aquén mar mediante varios casos escollidos, o influxo dos movementos políticos e sociais galegos entre os emigrantes, e finalmente a imaxe e a influencia dos retornados, os chamados americanos ou indianos, na sociedade galega.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados