Eses nobres cazadores, unha guía completa dos mamíferos carnívoros que bastante penosamente resisten aínda persecucións e odios moitas veces infundados. Son os que viven en Galicia, que crían, medran e morren en Galicia, aínda que tamén se engade un apartado final para aqueles que están aquí " importados " . E así, xunto ó lobo, o raposo, o oso aínda vivo nas montañas do Courel, as donicelas ou o teixugo, fálasenos tamén do visón en granxas, da aparición de Cuquita (a foca que veu do norte) ou do lince ollado unha soa vez.
Vén asinado por Xurxo de Vivero, que xa antes compuxera o volume adicado ás Donas do vento, as aves rapaces de Galicia. E igual que naquel caso, a literatura engárzase sabiamente coa ciencia para deleitarnos e facernos partillar, mesmo desde o sillón da casa, paisaxes e sentimentos que a natureza aínda permite. Con el coñeceremos non só a descrición do animal, senón tamén os seus costumes, a súa sicoloxía.
O libro contén un importante apartado gráfico onde se expoñen fotografías a toda color e debuxos en branco e negro e a color de tódalas especes das que se falou, para poder recoñecer, ou só recrearse en actitudes ou detalles de cada un destes fermosos cazadores.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados