A obra dun dos nosos grandes poetas clásicos, Eduardo Pondal, analizada coa visión moderna dun crítico, tamén poeta, de agora: Manuel Forcadela. Estamos ante unha indagación de grande altura na que se dan cita, por medio da intertextualidade e da aplicación dos seus métodos, algún dos mellores lectores literarios e culturais deste século: Gaston Bachelard, Gilbert Durand, Roland Barthes ou, mesmamente, Carl Gustav Jung e Mircea Eliade. Trátase dunha toma de contacto entre o primitivismo pondaliano, por unha banda, e os conceptos modernos dos estudiosos do símbolo, a antropoloxía e o mito, por outra.
O exercicio, non alleo a certo estructuralismo, iníciase cunha ollada histórica exhaustiva das opinións que ten suscitado a obra pondaliana para, logo, presentárnola, con amenidade e rigor, desde un novo punto de vista, centrado, sobre todo, na descrición da imaxinación de Eduardo Pondal.
Como resultado, unha visión insólita da obra dun dos mellores poetas europeos do pasado século.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados