Carlos Diáz Martínez recolleu no presente volume oitenta documentos, a maior parte deles tarxetas postais publicadas entre 1900 e 1930, que permiten a recuperación da memoria gráfica do concello de Cambados. Testemuños de grande calidade na fotografía e na impresión que facilitan un percorrido polo variado patrimonio histórico e monumental desta vila mariñeira, dende o magnífico pazo barroco de Fefiñáns e a praza do Mercado, o entorno da praza da igrexa de Santa Mariña de Ozo, a praza do Concello, o paseo da Calzada, o pazo de Montesacro, o peirao de San Tomé, ata os labores mariñeiros nos peiraos. Percorrido visual que se completa coa reprodución de imaxes do entorno vilego, como o mosteiro de Meis, os muíños de Tragove, a Ponte Arnelas ou diversas paisaxes sobre a ría.
O volume iníciase co ensaio, A memoria daquel Cambados mariñeiro, fidalgo e soñador, escrito polo académico Francisco Fernández Rei. Testemuño que reconstrúe a historia desta fermosa vila deitada ao sol, inzada de referencias literarias a Fermín Bouza Brey ou Ramón Cabanillas, entre outros. Velaí un percorrido exhaustivo, enchido de memoria familiar e erudita polo Cambados fidalgo e eclesiástico, polo Cambados ostreiro, polo Cambados mariñeiro, polo Cambados culto e soñador, polo Cambados da primavera do 36 e polo posterior da tráxica falta de luz.
O volume complétase coa catalogación das pezas documentais e coa reprodución dos poemas Diante do mar de Cambados de Fermín Bouza Brey e A Calzada de Cambados de Ramón Cabanillas.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados