Jaime Fagúndez, Laura Lagos Abarzuza, José Antonio Cortés Vázquez, Flávia Canastra
A Universidade da Coruña (UDC) é socia do proxecto LIFE GRAZELIFE (LIFE 18 PRE/NL002), un proxecto europeo con socios de oito países que se desenvolveu entre os anos 2019 e 2021. O obxectivo principal do proxecto é promover a xestión sustentable do territorio mediante o pastoreo e uso de grandes herbívoros. A UDC contribuíu co estudo dos cabalos salvaxes de Galicia fronte a outras alternativas de xestión caso das repoboacións forestais de quenda curta e longa, a gandaría extensiva ou o abandono. Seleccionamos dúas áreas de estudo que representan dúas situacións diferentes en relación coa paisaxe dominante e o uso dos cabalos salvaxes (bestas). A serra do Xistral, no norte de Lugo, é un espazo da Rede Natura 2000 dominado por queirogais húmidos e turbeiras, onde as bestas pertencen a gandeiros profesionais. A serra da Groba, no sur de Pontevedra, é unha área cun clima máis cálido, cuberta principalmente por repoboacións forestais e con frecuentes incendios. As bestas pertencen a besteiros que non son profesionais. Durante o proxecto realizamos vinte entrevistas semiestruturadas e dúas reunións de grupo con besteiros, propietarios dos terreos e expertos de diferentes sectores (forestal, turístico, asociacións conservacionistas e outros). Solicitamos información sobre a súa relación coas bestas, os problemas aos que se enfrontan, as súas demandas e as súas opinións respecto das políticas públicas vixentes, incluídas as axudas da PAC ou as compensacións por danos do lobo, e os seus plans de futuro. No estudo de campo seleccionamos áreas representativas de cada modelo de uso do solo e realizamos un estudo sistemático de riqueza e diversidade de plantas, biomasa e materia orgánica no solo. Estas medidas serven como indicadores de cambios na biodiversidade, secuestro de carbono e risco de incendios entre os diferentes modelos.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados