Luis Domínguez Castro (coord.)
Este volume recolle os relatorios da xornada Galicia e a Segunda Guerra Mundial que o Consello da Cultura Galega acolleu o 13 e o 14 de abril de 2021. Aquel conflito é un dos momentos centrais da historia da humanidade e Galicia non foi allea ao enfrontamento. A obra consta de tres seccións. A primeira versa sobre a Galicia do Eixe, é dicir, aqueles aspectos que foron unha contribución ao esforzo bélico do III Reich. Desfilan os traballadores e traballadoras forzadas e voluntarias que alimentaron a máquina de guerra nazi; o papel desempeñado na conflagración pola destacada colonia alemá en Vigo; os galegos da División Azul coas súas experiencias de combatentes, as súas motivacións e a súa extracción social e ideolóxica, así como a febre do volframio, nunha Galicia que concentrou o 29 % da produción hispana.
A segunda sección, Galicia e os aliados, analiza as facetas que contribuíron a favorecer os intereses aliados. Estúdase a conivencia das redes norteamericanas e vaticanas para impedir a influencia nazi na Península; o labor dos servizos de información británicos en Galicia, como posible escenario dun desembarco aliado antes da invasión de Normandía, e finalmente faise unha aproximación á figura de Augusto Assía, rara avis de correspondente anglófilo.
A terceira sección repara na pegada cultural da Segunda Guerra Mundial en Galicia, tanto de maneira directa, a través do seu eco na literatura, como de maneira indirecta, a través da súa ausencia na tentativa de crear a Unión Cultural dos países da Europa Occidental, no exilio londiniense de 1942.
A Segunda Guerra Mundial é un lugar de memoria privilexiado que segue convocando tanto a memoria cambiante e acomodaticia como a historia evolutiva e atenta a cada presente. Un lugar de memoria no que Galicia, as súas xentes e a súa cultura deixan sinal.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados