Nesta Tese de Doutoramento preséntase unha abordaxe histórico-filolóxica e unha nova edición da Historia Troiana, un manuscrito facticio galego-castelán da segunda metade do século XIV custodiado na Biblioteca Menéndez Pelayo de Santander (ms. 558). No primeiro capítulo (pp. 1-60) analízase a evolución da materia de Troia, desde as súas orixes até a súa difusión no Medievo europeo e a súa recepción nas letras peninsulares baixomedievais. Nos dous seguintes capítulos póñense de relevo os diferentes indicios internos (codicolóxicos, paleográficos, lingüísticos, estilísticos) que, conxugados coas evidencias fornecidas pola historia externa do manuscrito (padroado, intencionalidade, fortuna, procedencia, etc.), xustificaron o acoutamento da Historia Troiana nun tempo e nun espazo xeográfico e cultural concretos para cada un dos estadios redaccionais da obra: o proxecto editorial orixinario de Pedro I (Sevilla, ca. 1367-1369) e a súa recuperación e transformación no círculo nobiliario dos Andrade (rexión noroccidental de Galiza, ca. 1369-1373). No capítulo II (pp. 63-115) estúdanse os indicios internos que permiten achar as coordenadas espazo-temporais nas que se orixinou o testemuño primixenio e o facticio galego-castelán. No capítulo III (pp. 117-139) aproximámonos á xénese autorial, padroado, intencionalidade, fortuna e vicisitudes que definen o percorrido da Historia Troiana desde as súas orixes na corte sevillana de Pedro I, pasando pola súa incorporación ao patrimonio bibliográfico da Casa de Astorga-Altamira (séculos XV-XVI), até chegarmos á súa reaparición no obradoiro do libreiro madrileño Gabriel Sánchez (segunda metade do século XIX) e a súa posterior adquisición por Marcelino Menéndez Pelayo. No capítulo IV (pp. 141-175) estúdanse as fontes empregadas para a compilación troiana de Pedro I, composta por dúas tradicións textuais ben coñecidas na época: a prosificación peninsular do Roman de Troie (séculos XII-XIII), transmitida pola Crónica Troyana de Afonso XI (1350), e a compilación troiana de Afonso X (segunda metade do século XIII) que, posteriormente, se integraría nas tres primeiras partes da General Estoria. Doutra banda, a través da comparanza con outros manuscritos vinculados á Historia Troiana (especialmente BNE ms. 10.146), estabeleceuse unha filiación do texto tendo en conta os outros testemuños troianos coetáneos. No capítulo V (pp. 177-433) ofrécese un estudo arqueolóxico exhaustivo dos caracteres externos e internos do manuscrito (composición material, planificación e configuración da páxina, escritura, tintas, signos ou evidencias de corrección, elementos referenciais de identificación, organización e compartimentación do texto, decoración, ilustración, encadernación, etc.) que permitiu confirmar algunhas conxecturas relativas ao estadio redaccional do manuscrito e á súa filiación textual. Pola súa banda, no capítulo VI (pp. 435-529) ofrécese unha análise grafemática da Historia Troiana, tanto da sección castelá como da galega, que permitiu xustificar, en boa medida, os criterios de presentación gráfica incluídos no capítulo VIII (pp. 1299-1372). Por último, preséntase a transcrición paleográfica do texto e das notas marxinais (capítulo VII, CDrom pp. 645-1295) e a edición crítica e anotada da obra (capítulo VIII, pp. 1375-1923), acompañadas dunha reprodución fotográfica íntegra do manuscrito (CDrom).
Información completa en la web de Infoling: http://infoling.org/informacion/T117.html
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados