Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Resumen de O desenvolvemento das prácticas científicas de construción e uso de modelos e probas: Un estudo lonxitudinal en educación infantil

Sabela Fernández Monteira

  • O desenvolvemento das prácticas científicas de construción e uso de modelos e probas: un estudo lonxitudinal en educación infantil A tese sitúase nunha perspectiva que considera a ciencia como un conxunto de prácticas (Osborne, 2014). Ten como obxectivo examinar a participación do alumnado de educación infantil nas prácticas científicas e como esta participación evoluciona ao longo da etapa. Este obxectivo pódese desglosar en catro obxectivos xerais de investigación, os tres primeiros sobre o alumnado e un cuarto referido ás estratexias das mestras: 1) Examinar que características ten o uso de probas polo alumnado de educación infantil, como evoluciona ao longo da etapa, e cal é o papel da observación cun propósito neste uso de probas.

    2) Examinar que características ten o uso e construción de modelos polo alumnado de educación infantil, como evoluciona este uso e construcción ao longo da etapa, e cal é o papel das representacións nesta práctica.

    3) Examinar que características ten a construción de explicacións polo alumnado de terceiro curso de educación infantil e como evoluciona ao longo dun curso escolar.

    4) Examinar como apoian as mestras a participación do alumnado nas prácticas científicas e como cambia este apoio (andamiaxe) ao longo da etapa.

    Un informe da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OECD) (2012) indica que a participación en ciencias desde educación infantil favorece o desempeño posterior dos estudantes. Porén, aínda que o número de publicacións sobre niveis educativos iniciais está crecendo (Areljung, Ottander & Jue, 2017), segue habendo menos traballos que sobre primaria e secundaria.

    Deseñouse un estudo lonxitudinal, enmarcado nunha perspectiva cualitativa (Merriam, 2009). Acompáñase a un grupo de primeiro a terceiro curso de educación infantil mentres participa en proxectos escolares de ciencias de longa duración.

    Adicionalmente, acompáñase a outro grupo no mesmo centro, no terceiro curso de educación infantil. Ambas mestras pertencen a un grupo profesional de seis mestras de educación infantil que cada ano levan a cabo nas súas aulas un proxecto de ciencias.

    Os resultados indican que as nenas e nenos participan nas prácticas científicas de uso de probas, uso e construcción de modelos e construcción de explicacións, con crecente autonomía e complexidade a medida que avanzan na etapa de educación infantil. O incremento da complexidade dase en varias dimensións, entre as que destacamos: a capacidade de avaliar datos para usalos como probas; a participación nun número crecente de tipos de prácticas de modelización; e a solvencia no uso e construcción de modelos en diferentes modos semióticos. Identificáronse as estratexias docentes que apoian a participación nas prácticas e foi caracterizada a modulación da intensidade da andamiaxe ao longo da etapa. Unha contribución orixinal desta tese é a caracterización da observación cun propósito (Monteira & Jiménez-Aleixandre, 2016, Journal of Research in Science Teaching). Definímola como un tipo de observación prolongada no tempo, cun foco determinado, andamiada, discutida e utilizada para apoiar conclusións e revisar teorías.


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus