Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Resumen de A performatividade como estratexia de resistencia en catro poetas galegas contemporáneas: Xiana Arias, Paula Carballeira, Andrea Nunes e María Rosendo

Lara Rozados Lorenzo

  • Comezando o século XXI xurdiron novas voces poéticas no contexto galego representativas da emerxencia de novas linguaxes que supoñen unha práctica de resistencia fronte aos discursos hexemónicos, en canto subverten cuestións relacionadas co establecemento dunha identidade unívoca, pechada, non mutable; cunha idea de autoría baseada nun principio de autoridade, cunha figura individual caracterizada polos presupostos do “xenio” autoral; e co canon patriarcal.

    Conségueno a través de prácticas que poñen en cuestión a devandita noción de identidade, e camiñan cara a outra moito máis conflitiva, fragmentaria, mutable, construída, e tamén partícipe na colectividade. Estas prácticas propoñen o salto da “creadora” individual á actividade compartida, e incardínanse dentro de posturas activistas de funcionamento en rede. Rebaten tamén a autoría tal como a entendemos tradicionalmente, a través do anonimato, do uso de heterónimos, dese funcionamento en rede ou de novas formas de edición que implican un concepto diferente dos chamados “dereitos de autor”, cuestionándoos en beneficio de fórmulas moito máis abertas.

    (Auto)concíbese a creadora como mediadora, que recolle fragmentos e constrúe novos discursos a partir deles, para que o público (non pasivo) siga construíndo. Velaí o emprego da cita, a homenaxe, o palimpsesto, as relecturas, a ensamblaxe de imaxes preexistentes. Esta multiplicidade de fontes das que bebe a creación, concibida como proceso, máis que como elaboración dun produto acabado (“obra de arte”) casa tamén coa heteroxeneidade de linguaxes: a performance, a videocreación, o emprego da propia voz e da imaxe ou manifestacións artísticas que se encadran no que se deu en chamar contracultura: graffiti, fanzines, accións de rúa, etc. Esta nova percepción do suxeito carrexa tamén unha liberación con respecto á opresión do sistema patriarcal. Aquilo que ten que ver co corpo e coa autorrepresentación é estratéxico para darlles a volta aos estereotipos de xénero.

    Constatamos certo paralelismo entre as catro poetas escollidas (Xiana Arias, Paula Carballeira, Andrea Nunes e María Rosendo: formación elevada, precocidade na escrita, precariedade laboral, recorrencia aos premios literarios como plataforma, experimentación con diversos xéneros, formatos e soportes (poesía, narrativa, teatro, ensaio, manifesto, xornalismo, videocreación, fotografía, banda deseñada, performance, artes plásticas e musicais...), implicación na loita feminista, participación en múltiples redes e colectivos e asistencia a eventos comúns.


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus