Durante o curso académico de 1968/69, o grupo de teatro universitario Circulo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra (CITAC) contrata como director artístico ao catalán Ricard Salvat. Este era unha figura destacada polo seu traballo coa Escola de Arte Dramàtica Adrià Gual (EADAG) e pola súa vertente como profesor e ensaísta, así como polo seu coñecemento das teses teatrais de Bertolt Brecht. Salvat é contratado para realizar un traballo pedagóxico, cun curso de libre inscrición de historia do teatro, e un traballo artístico, coa preparación de dous espectáculos co CITAC. O primeiro destes espectáculos, titulado Brecht + Brecht, aborda as teses brechtianas dun modo práctico ao tempo que reflexiona sobre acontecementos históricos como o crack da bolsa de 1929, sendo acollido polo público con grande interese. O segundo espectáculo estaba destinado a ser unha ambiciosa montaxe, relacionada co teatro épico e o teatro documento e con colaboradores estranxeiros do nome de Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo e a colaboración de músicos como José Niza. Este proxecto, titulado Castelao e a sua época (CSE), pretendía ser un diálogo entre culturas ibéricas centrado na figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, político e artista galego. O texto dramático do espectáculo estaba formado por máis de 140 textos autónomos. Eses textos son de autores, entre outros, como Rosalía de Castro, Joan Maragall, Federico García Lorca, Almada Negreiros ou André Bretón, pertencentes a diferentes campos culturais destacando a presenza portuguesa, galega e catalá.
Infelizmente para o traballo de Salvat, o curso 1968/69 sería lembrado en Coímbra pola Crise Académica de 1969, onde os estudantes se enfrontaron ás autoridades universitarias nun dos desafíos máis famosos á ditadura portuguesa. A policía do Estado Novo, Policia Internacional e de Defesa do Estado (PIDE), nun ataque contra o movemento estudantil, prende e expulsa a Salvat do país o que, sumado á anterior negativa de autorización para a representación de CSE que fora levada polos servizos de censura, fixeron con que o traballo deste segundo espectáculo se perdese.
Despois do acontecido, a memoria de CSE foise perdendo co tempo.
Con esta investigación tentamos recuperar, case 50 anos despois da suposta estrea de CSE, o traballo de Salvat en Coimbra, polo que abordamos un estudo do seu curso de teatro, das principais teses teatrais que impulsaban a súa actividade artística en 1969 e presentamos unha edición crítica e comentada do texto dramático de CSE, até o de agora inédito, partindo dos materiais de traballo do grupo e da versión enviada á censura para a súa avaliación. Estudamos tamén as marcas que a censura deixou sobre ese texto así como outros materiais da PIDE sobre director e identificamos as consecuencias artísticas e culturais que dese proxecto falido naceron.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados