Estefanía Del Campo Palacín, Pablo González Sequeiros
Preséntase unha experiencia nunha aula de 4º de primaria que xurdiu como resposta ás dificultades que presentaba o alumnado na resolución de problemas aritméticos, que se viran acrecentadas como consecuencia da situación derivada da pandemia provocada pola COVID-19 no curso anterior. Para dar resposta a estas dificultades desenvolveuse un obradoiro cooperativo de resolución de problemas con base ao emprego de material manipulable (regretas e bloques de base 10) coa idea de fortalecer no alumnado a idea de agrupamento e a representación mental da descomposición numérica, tentando promover que a partir de aí desenvolveran as súas propias estratexias de cálculo. A aula organizouse en grupos heteroxéneos de entre 4 e 5 compoñentes, dentro dos que se asignaron roles determinados. A proposta desenvolveuse en dúas partes diferenciadas: unha primeira na que se introduciu o material manipulable e se traballaron os problemas de estrutura aditiva, en base a contidos coñecidos, e unha segunda onde se construíron as táboas de multiplicar e se resolveron problemas de estrutura multiplicativa. As evidencias recollidas na avaliación poñen de manifesto o progreso do alumnado en relación á identificación dos datos, o emprego de diferentes representacións, a comunicación de resultados, a formulación de conxecturas ou o establecemento de conexións coa vida real, e, principalmente, á regulación das propias emocións.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados